Un satélite
artificial é un corpo celeste fabricado polo ser humano que orbita ao redor dun
planeta; algúns deles teñen a función de proporcionarnos sinal no móbil ou
televisión, outros serven para nos situar xeograficamente (GPS), outros proporciónannos información meteorolóxica, etc.
O desenvolvemento
do sistema de satélites terrestres ocorreu no século XX, e foi fillo do que se
chamou A carreira espacial, un auténtico enfrontamento tecnolóxico entre as
dúas superpotencias mundiais neste século: os EEUU e a URSS. Temos que saber
que foi a extinta URSS a que levou de entrada a dianteira co lanzamento do
primeiro satélite (o Sputnik 1) e o do primeiro cosmonauta no espazo (Youri
Gagarin).
O obradoiro comeza
cun vídeo de nove minutos relacionado cos famosos inventores, astronautas e cosmonautas do século XX. Acto
seguido realízase unha representación teatral baixo a forma de informativo
televisivo titulado “O Noso Hoxe”. O porqué de facelo así é porque cren que
deste xeito o público se vai entreter máis; e non só por iso: a realidade é que no século
XX a meirande parte da transmisión cultural fíxose a través deste medio de
comunicación ao que estamos tan afeitos. Este informativo dura aproximadamente 15 ou 20 minutos nos que se inclúe información relacionada co vídeo e por tanto co obradoiro; ademais diso incorpóranse experimentos científicos como, por
exemplo, o que nos amosa as propiedades do baleiro do espazo ao apagar unha candea cun vaso de cristal invertido. Este fenómeno lógrase debido a que o osíxeno se
consome e se desprende o dióxido de carbono.
Tras finalizar a
obra, os nenos e nenas achéganse á exposición de maquetas dos satélites (Sputnik
1; AAU Cubesat; Terra; Asterix; ou Pionner 1, entre outros), foguetes e transbordadores
(Saturno 1; V2; Enterprise; ou o módulo lunar do Saturno 5), ou mesmo sondas
espaciais (Stardust; Mars Express…). As maquetas foron feitas polos alumnos e
alumnas de 3º de ESO. A exposición durará entre 5 e 10 minutos e os nenos e nenas poderán preguntar todas as súas dúbidas sobre o tema xusto ao rematar.
O tempo restante
empregarase para que os nenos e nenas de Primaria, quen sabe se futuros
astronautas, poidan construír o seu propio foguete, unha maqueta do Saturno 1,
feita cun esqueleto de cartón e un reverso de papel que levarán para a súa casa
para poder soñar espertos. Nós quixemos saber un pouco máis e preguntámoslles ás persoas que levan a cabo o obradoiro por que escolleron o Saturno 1 para montar e
non calquera outro foguete ou satélite. A resposta foi rápida, clara e sinxela,
“porque é o mais fácil para montar”.
Con candanseu
foguete na man, os rapaces e rapazas da escola están listos para ir voando cara á seguinte actividade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario