jueves, 11 de abril de 2019

E sen máis, nada máis


A semana cultural chega á súa fin, e o único que podemos dicir é grazas a todas as persoas que a fixeron posible: grazas ao alumnado de primaria por acudir e implicarse tanto nas actividades; grazas ao profesorado que nos axudou en todo momento, grazas ao alumnado de secundaria que traballou duro para levar a cabo este proxecto, e grazas a vós por seguir día a día, artigo a artigo, todos e cada un dos nosos pasos.

O noso máis fondo agradecemento tamén a todas esas persoas que non adoitamos mencionar pero que son imprescindibles na nosa escola, e máis aínda nestes días tan intensos; esas persoas son Pepe, o noso encargado de mantemento, o equipo de limpeza, que fai posible que o noso espazo de traballo se manteña limpo e en orden, e a Pili, a nosa vendedora de bocatas inmortal.

Grazas á semana cultural, tanto o alumnado como o profesorado desenvolvemos a nosa capacidade de reacción ante os problemas e tamén aprendemos a traballar en equipo. Esta saída da rutina, pouco común na maioría de colexios, ensínanos moito en moi pouco tempo.

Sobre todo, apreciamos moito que toda a xente que visita o noso blog e redes sociais poida ver o que traballamos cada día dende Estados Unidos ata a India, e que así eles poidan tamén aprender algo con nós.

Por todo isto e moito máis despedimos esta semana cultural coa sensación de ter feito un bo traballo e agardando a do ano que vén, que recibiremos cos brazos abertos.

Despídese o equipo de xornalismo.

P.D.Este ano non saíu todo como cabía esperar, saíu mellor :)




Peter Punk: o pallaso da risa irreverente


Hoxe, xoves 11 de abril visitanos un personaxe distinto ao que estamos acostumados: o pallaso Isaac Rodríguez, máis coñecido como  Peter Punk. Este pallaso non se corresponde co que de cotiá imaxinamos cando pensamos nun pallaso: el non leva perruca, e non está moi maquillado.

 

O espectáculo que imos ver está adicado a un público infantil e familiar, e todo o show desenvólvese en galego. A Peter Punk gústalle máis o espetáculo na rúa e a 'ras de chan' que actuar sobre un escenario, xa que é moi frecuente e estimulante a interacción con nenos e nenas.  Peter ten unha lista variada de actividades, como por exemplo o prato chinés, os fachos de lume , o clásico tartazo, mellorado, e os malabares. O espectáculo que trae á escola chámase “Chungo que te cagas”: este é o seu espectáculo máis universal e todoterreo, é dicir, que se adapta a todos os públicos e espazos.

Haberá dous pases, o primeiro estará adicado ao alumnado de secundaria e o segundo para os de primaria e os de infantil.  

Se queredes saber como é o seu espetáculo, pinchade no link de abaixo para ver o tráiler que el promociona.

  

A nosa opinión persoal desta actuación é breve e concisa: pareceunos moi divertido, o interactuar co público fixo que fora máis ameno.


Teatro na escola: Antonio Fraguas



Como este ano o día das letras galegas está adicado a Antonio Fraguas Fraguas,18 nenos e nenas de primeiro e segundo de E.S.O. xunto con Alicia (a profesora de dramatización) decidiron facer unha obra de teatro sobre Antonio Fraguas; en concreto tratábase dunha breve biografía sobre el na que contaban algúns datos sobre a súa infancia e estudos. 
A obra represéntase no ximnasio para todo ou case todo o colexio. Explicado máis a fondo o argumento da obra é o seguinte: uns rapaces e rapazas perden a memoria  por culpa dun meigallo. As meigas danlles unha adiviña que os leva á tumba de Antonio Fraguas, e nela o mismísimo Antonio Fraguas érguese da tumba é lémbralles a súa identidade e os seus recordos grazas á cultura galega.
As representacións non estiveron libres dalgún problema, coma o decorado que, tal e como nos contaron, adoita romper. A pesar de todo, como cabía esperar, o publico está calado e prestando atención, xa que se trata dunha obra moi entretida e pásano moi ben.

Muros e colores

A arte urbana enche os espazos exteriores da nosa escola das mans de excelentes artistas guiados por Patricia, a nosa profesora de plástica de secundaria. Ollade o resultado:



O século XX: unha ollada cara o noso pasado



O século pasado? Considérase o período de tempo abarcado desde 1901 ata 2001 pero, é así para todo o mundo? Se es un postmilenial vivirás probablemente toda a túa vida dentro do mesmo século (XXI), pero se naceches antes de que este comezase pode que sintas que o século XX nunca rematou.
Vivimos nun entorno condicionado polas decisións tomadas hai tan só uns anos; de carácter positivo ou negativo, non podemos desprender o presente dos sucesos do pasado.
Case todos os ámbitos da nosa realidade son como son, debido ás profundas mudanzas que se deron no século XX: a ciencia, a tecnoloxía, a cultura, a economía ou mesmo as relacións sociais mudaron de forma máis notoria ao longo do século XX que nos mil anos anteriores. Vexamos uns exemplos:

No ámbito científico houbo referentes como Albert Einstein, quen desenvolveu a teoría da relatividade, Rosalind Franklin, química que contribuíu á comprensión do ADN ou Neil Armstrong, o primeiro home en pisar a Lúa, e que rematou coa carreira espacial de Estados Unidos e a Unión Soviética. Cabe destacar tamén que ademais do foguete tripulado por Armstrong, lanzáronse moitos máis satélites e foguetes ao espazo.
Investigouse máis acerca da estrutura do átomo, creando novas teorías como a de Rutherford ou Thomson, e máis tarde creouse a táboa periódica.
Tamén se fixeron moitos avances nas enerxías, como a enerxía nuclear, a eléctrica, os combustibles fósiles, etc.
 Pero non todos os descubrimentos científicos foron bos:  A enerxía nuclear, coa que se fabricou a bomba atómica, que ocasionou centos de miles de mortes tras a súa detonación en Hiroshima e Nagasaki, ademais de contaminar o medio ambiente. Tras o desastre de Chernóbil fixo que se impulsase a investigación acerca das enerxías renovables; e antes da chegada á Lúa houbo un longo proceso no que ambos os dous países implicados invertiron moitísimos recursos. E estes tan só son algúns exemplos…

No ámbito tecnolóxico destacou o descubrimento da electricidade, este modificou a duración e a distribución horaria das actividades, tanto individuais como sociais. Anos máis tarde viu a luz a televisión, un medio de comunicación que revolucionou a vida en sociedade, pero que dalgunha maneira serviu para “controlar” á poboación. Tras a televisión tratouse de maximizar a capacidade de comunicación a distancia, o que levou á invención do teléfono móbil e todo o que chegou con el.
Tamén se realizaron avances no transporte, co desenvolvemento de coches máis modernos e avións de maior potencia, tanto con fins militares como de transporte, aínda que isto supuxo unha maior utilización de combustíbeis fósiles non renovables e que danan o medio ambiente drasticamente.
Tamén se inventaron aparellos actualmente moi utilizados e imprescindibles como o microondas, o bolígrafo e as máquinas de afeitar entre outros; todos estes nacen da Segunda Guerra Mundial, que ocasionou moitas mortes, e hoxe en día son moi importantes nas nosas vidas.

No ámbito cultural destaca a cultura musical, creándose así as bases de moitos estilos que perduran ata hoxe en día, algúns deles son o Blues, Jazz, Charlestón, Rock&Roll (encabezado por Elvis Presley), Rock&Pop (cos Beatles como primeiros artistas), Disco (Jackson Five), Pop (Michael Jackson) , Electro Rock, Heavy Metal, Hip-Hop e Rap entre outros. Estes estilos musicais orixináronse no século XX, debido a necesidade de entretemento da xente, pero, non todo foi positivo na cultura musical xa que, a causa da aparición destes distintos estilos créanse certas tensións entre as diferentes tribus urbanas que acaban de nacer.
A arte evolucionou moito nesta etapa, nacendo estilos como o modernismo, cubismo, expresionismo, art decó, surrealismo, pop art, minimalismo ou hiperrealismo entre outros. A arte do século XX caracterízase por ser activa, variada e participativa, ademais de dirixirse cara a todos os sectores da poboación, non tan só para as elites.
Tamén destaca a cultura deportiva, creándose así os xogos paralímpicos, unha competición deportiva internacional na que compiten todo tipo de persoas con discapacidades. Ademais acrecéntase a práctica da dopaxe para ter máis capacidade física, a medida que a ciencia aporta novas “drogas” que poden mesmo chegar a ser prexudiciais para a saúde.
Outro campo cultural moi importante no século XX foi o da alimentación, xa que este mudou bastante con respecto ao s. XIX. O primeiro cambio que notamos e o do fenómeno chamado “fast food”, é dicir, comida rápida, popularizándose así as pizzerías e hamburgueserías. A creación destes locais deu paso a un cambio no sistema de etiquetado e envasado, prexudicial para o medio natural, polo abundante uso do plástico como envase principal.

A economía variou moito ao longo deste século, tivo subidas e baixadas co comezo e cese das numerosas guerras, todas elas impulsadas pola disputa entre capitalismo e comunismo, os dous grandes sistemas económicos do século XX: a primeira e a segunda guerra mundial, a guerra fría, a guerra de Irán e Irak…, tamén houbo moita variación en Alemaña, co comezo e fin do réxime nazi, e coa caída do muro de Berlín (1989), tras o que a súa economía mellorou considerablemente. Tamén outras ditaduras como a de Franco, Mussolini, Stalin, Pinochet, Salazar...tiveron moita importancia neste campo.
No ano 1945 creouse a Organización de Nacións Unidas, o que supuxo unha mellora para algúns países e sectores da poboación. Tamén no século XX se comezou a loitar polos dereitos de todas as razas e xéneros, unha loita que hoxe en día aínda segue en vigor.

Cada unha das cousas que imos contando vai, inevitablemente, influíndo nas demais: a electricidade trae máis tecnoloxía, a tecnoloxía tráenos a televisión (e máis tarde Internet), e todo isto afecta ao noso modo de vivir, de traballar e tamén ao noso tempo de lecer: fanse grandes avances nos xoguetes, debuxos animados e videoxogos, os cales chegan da man da revolución tecnolóxica que está en auxe hoxe en día.

Como podedes apreciar, o século XX foi unha etapa de descubrimentos e avances, pero sobre todo de cambios, pois nestes 100 anos evolucionouse máis que nos 1000 anteriores.
Este século deixounos inventos de carácter moi positivo en todos os campos, pero tamén outros que desexaríamos non ter coñecido.
Cabe destacar a evolución que houbo na vida cotiá, xa que se podería dicir que a principios do s.XX a vida era máis semellante á da Idade Media que a actual, pero, o transcurso do tempo fixo que a poboación fose avanzando grazas á chegada de novos descubrimentos intimamente relacionados coa actual vida moderna. Algúns destes descubrimentos foron negativos para a sociedade actual, e hoxe en día todos temos que cargar co dano feito e tratar de revertelo.
Para concluír esta “reflexión” sobre o século XX, debemos dicir que, neste novo século onde habitamos, o século XXI, estamos a tratar de mellorar ou polo menos solucionar os erros cometidos nestes últimos anos, todo depende de nós.

O futuro promete!

 
Redactado por Z.S.S e M.V.P.

Como empezou esta semana cultural?

  

Un día a mediados de febreiro empezáronnos a falar da semana cultural, este ano adicada ao século XX. Previamente os mestres e as mestras reuníronse, xa en setembro, para falar de cando ía ser, do que se podía mellorar respecto a anos anteriores e dos posibles temas centrais deste ano. A partir de aí puxémonos a falar por grupos sobre os distintos obradoiros que cada un podía desenvolver.


Comezamos a preparación con moito entusiasmo e o primeiro que fixemos foi preguntar a que grupos ía  estar dirixida a actividade, xa que dependendo da idade do público que nos chegase teríamos que presentar a información dunha maneira ou outra; logo falamos das actividades que poderíamos ofrecer para que fose posible aprender e divertirse dunha maneira diferente. Despois de ter claro todo isto tivemos que ver que materiais necesitabamos e en que espazo iamos desenvolver a actividade.


Para a preparación do material contamos coa inestimable axuda de Pepe , o encargado de mantemento (o manitas) do cole. Este ano fixo uns paus cos que despois os rapaces e as rapazas construirán unha guitarra, e tamén fixo unhas rodas que servirán para crear un coche que funciona con enerxía renovable. Isto non é pouco, xa que son moitas as persoas que pasan por cada obradoiro. A Pepe, coma a todos nós, gústalle ver como disfrutan os rapaces e rapazas nesta semana.


A opinión maioritaria dos rapaces e rapazas que levan a cabo os obradoiros é que ao comezo destes costa un pouco habituarse ao duro traballo, pero despois de facelo dúas ou tres veces xa se lle colle o tranganillo, e xa é máis doado. Por outra parte, unha vez que entra o público distribúese en grupiños para facer distintas actividades dentro do obradoiro. E por último, aínda que non todas as persoas se implican da mesma maneira, o resultado final é satisfactorio.

E a conclusión de todo isto é que a Semana Cultural é unha semana diferente na cal se aprende bastante pero dunha maneira distinta e creativa, de maneira que aos nenos e as nenas lles custa menos levar a termo as actividades sen deixar sitio para o tedio.


Literatura e imaxe: os nosos heroes de infancia

A banda deseñada, tamén coñecida co nome inglés de comic é un relato representado con debuxos e acompañado de bocadillos. Dentro da banda deseñada hai moitos xéneros, como o manga, a novela gráfica, o tebeo, as tiras cómicas, etc. A partir disto os alumnos e alumnas de primeiro e segundo de E.S.O. idearon un obradoiro sobre a banda deseñada e o álbum ilustrado.

Dentro deste obradoiro hai diferentes grupos:
Comecemos polo grupo do álbum ilustrado. O primeiro que fai este grupo é explicar que é un álbum ilustrado, que características ten, e os sentimentos que expresan as cores. Posteriormente ensinan materiais para ilustrar e déixannolos probar; ademais, a actividade contén un xogo no cal debemos debuxar algo a partir de frases aleatorias. A finalidade desta actividade é facer que descubramos máis alternativas literarias e coñezamos novas técnicas para debuxar.

  

Máis adiante temos o grupo de manga e anime, no cal nos explican primeiro que son o manga e o anime, as diferenzas que teñen entre si, o seu significado, como se le e os conceptos de liñas (efectos que se lle fan aos bocadillos nos mangas). Despois da explicación danlles a elixir entre catro actividades que consisten en:

1.- Ler un manga
2.- Xogar a “memory”
3.- Debuxo dun personaxe de manga
4.- Crebacabezas

O que pretenden conseguir os organizadores da actividade é que as nenas e os nenos descubran o manga.

      

Despois entrevistamos ao grupo de tiras cómicas: este grupo xurdiu grazas a que unha integrante quería facer algo relacionado con Snoopy, e investigando descubriron máis sobre as tiras cómicas e de alí crearon esta actividade de obradoiro. As tiras cómicas son historietas, publicadas en xornais, de entre tres e catro viñetas. Primeiro explícannos que é a tira cómica e fálannos de personaxes famosos como Snoopy, Mafalda ou Garfield. Máis tarde propóñennos actividades de puzzles de viñetas, diferenzas entre tiras cómicas, un xogo de memory, e mesmo debuxar a nosa propia tira cómica. O principal problema deste obradoiro é que aos nenos e nenas non se lles ocorre que facer, pero rapidamente os integrantes do grupo axúdanlles a crear a súa tira cómica inspirándoos con exemplos.
                                             

Outra parte desta actividade céntrase no cómic europeo (Tintín, Asterix, etc.) e o tebeo (Mortadelo e Filemón, Zipi e Zape, etc.). Primeiro explícannos de que tratan os cómics europeos e os tebeos, para posteriormente, facer as seguintes actividades:

-Colocar títulos ás portadas.
-Xogar a “Quen son?” con personaxes famosos de cómics.
- Relacionar personaxes cos seus nomes.
- Debuxar o noso personaxe favorito de cómic.




Ao final visitamos o grupo das franquicias de Marvel e DC: primeiro explícannos as dúas franquicias e as súas diferenzas, e despois propóñennos xogos como o de Memory con superheroes, facer un superheroe a partir de características aleatorias sacadas dunha caixa, identificar superheroes, ensinarnos a debuxar.









O cuarto poder


A intención do xornalismo é transmitir ao público ideas claras, concisas, concretas e veraces. Trata de reflectir feitos mediante o verbo.

Nós decidimos integrarnos neste proxecto porque nos atraíu a idea de informar a xente da escola, e tamén de fóra, sobre o que está a acontecer no noso segundo fogar; estivemos a ver os blogs de xornalismo dos anos anteriores e démonos conta dos grandes resultados que lograran; a continuación puxémonos a meta de superar ese traballo e deixar o listón aínda máis alto para os os próximos anos.

O noso traballo comeza investigando sobre as actividades dos demais grupos: primeiro tivemos que ir de clase en clase preguntando en que consistía cada proxecto e a que público ía destinado. A continuación dividímonos en parellas, e cada unha céntrase nun obradoiro en concreto para logo desenvolver un artigo que permita ao público interesado conectar connosco e saber o que acontece na escola nesta loucura de semana cultural.


O obradoiro xornaístico ten moito traballo por detrás. O artigo final ten que ir matizándose moito a medida que avanzamos; o máis difícil é comezar o texto dunha maneira atractiva, e conseguir que o interese non decaia…
Para amosar de que estamos falando acompañamos os textos de imaxes porque se ben é certo que “unha imaxe NON vale máis que mil palabras”, tamén é certo que vivimos nunha sociedade moi visual e as imaxes completan o sentido dos textos, e aínda o melloran.  

Para levar a termo o noso traballo repartimos responsabilidades: algúns de nós traballamos en redacción, outros en fotografía e edición de imaxe, e outros como Community Manager das RRSS da escola.

A fotografía debe cumprir as necesidades de todos os redactores e redactoras, polo que hai que ir de clase en clase sacando fotos as fotos que demandan desde a redacción.

Os community manager levan as redes sociais do colexio e encargándose de divulgar os contidos publicados no blog da semana cultural para que a información chegue ao maior público posible o máis rápido posible e que estea a disposición de todo o mundo.

Para cumprir coa lei de protección de datos temos que ter coidado de non publicar fotos persoais do alumnado do colexio nas que se nos poda recoñecer, xa que non se debe publicar imaxes de menores de idade, e non queremos infrinxir esta norma.
.
  


E sen máis, nada máis

A semana cultural chega á súa fin, e o único que podemos dicir é grazas a todas as persoas que a fixeron posible: grazas ao alumna...