martes, 9 de abril de 2019

Nutrindo corpos e almas


É fundamental que a formación dos nosos cativos e cativas se aborde dende o primeiro momento, por iso o alumnado de infantil da nosa escola tamén, como non, participa desta semana connosco.
No edificio de infantil lévanse a cabo catro obradoiros. O primeiro do que imos falar é do de panadería, organizado polo alumnado de primeiro de E.S.O.

PANADERÍA
Este é un obradoiro no que os nenos e nenas de tres, catro e cinco anos poden aprender a facer pan e galletas.
Para organizalo o comedor de infantil divídese en catro espazos situados ao redor de catro mesas; en cada unha das mesas hai un pequeno “volcán” de fariña, levadura e auga co que se fai a masa do pan.
Os nenos e nenas de secundaria elixiron este tema para demostrar que o pan que compran na panadería ten un longo proceso que convén pór en valor antes de chegar ás súas mans.

ARTE 
Neste espazo, situado na clase de plástica de infantil, o alumnado representa unha pequena obra de teatro sobre catro importantes pintores do século XX. Ao finalizar a obra, os nenos e nenas intentarán pintar os cadros destes pintores. A aula divídese en dous grupos repartidos en sendas mesas.
Este é un obradoiro importante para aprender un pouco de cultura xeral sobre os pintores mais coñecidos.

 XOGOS OLÍMPICOS
 
Seguimos a nosa visita por infantil e no patio atopamos os pequenos e pequenas facendo un debuxo coas mans para representar o símbolo dos xogos olímpicos, e se continuamos aínda mais podemos ver no ximnasio a outra metade do grupo facendo un percorrido deportivo con diferentes actividades.
 
Este obradoiro foi elixido polos nenos e nenas de segundo de E.S.O. para amosar os diferentes deportes que se practican nos Xogos Olímpicos e para aprender a traballar en equipo dende pequenos.
 PINTURA E MÚSICA
O alumnado de segundo dirixe un obradoiro de pintura e música para que os nenos e nenas teñan en conta como pode influír a música nos nosos sentimentos e no noso estado de ánimo. Lévanse a cabo dúas actividades, na primeira os pequenos terán que debuxar sobre un papel o que lles transmite a música que soa nese momento, e na segunda terán que facer un rompecabezas para reconstruír unha importante obra de arte.
 A actividade comeza cunha obra de teatro na que se explican diferentes cadros. O alumnado de segundo escolleu este obradoiro xa que pensaron que podía dar moito xogo ao mesturar a música coa pintura.

1 comentario:

E sen máis, nada máis

A semana cultural chega á súa fin, e o único que podemos dicir é grazas a todas as persoas que a fixeron posible: grazas ao alumna...